Fóra do terreo de xogo, nada me importa o xogador Gerad Piqué. Pero si que el, ou calquera outro, poida ser obxecto de aldraxes impropios dunha comunidade civilizada, como todo o mundo coñece, case sempre sen causa ou por motivos que nunca poden xustificar o acedo boureo, o ataque persoal e a aldraxe. Todos sabemos a que me estou referindo. Pero preocúpanme as causas, sen dúbida moitas: ignorancia, primitivismo, incultura, irracionalidade, resentimento, xenreira, noxo... e algunha outra. O preocupante é que pasa para que nunha sociedade moderna e avanzada -ao mellor, non tanto como un cría ou agardaba- se dea o linchamento, e a forma en que se deu, que o tal deportista padeceu e padece. Porque a actitude contra el ten sido tan xeneralizada que un ten que pensar nun verdadeiro andazo, nunha tolería colectiva, nunha barbarie xeral.
¿Pero é posible que unha colectividade tolee desa maneira? Pois claro que si, e os exemplos supoño que están na mente de calquera, e tamén tolemias moito máis graves. A política de curto alcance, ensarillada en pequeneces, afastada do valor do prometido e da palabra dada, ou da pedagoxía de toda política grande, xunto coa docilidade de certas elites, axudan á pouca formación cívica desta sociedade. Se para eles todo vale, tamén para os demais. Non se contaxia a capacidade de raciocinio pero si a de escornar. Sabendo como sabemos que a irracionalidade pode apoderarse da sociedade, facerse dona dela e levala ao abismo, aínda en contra dos seus intereses, ben podería alertarnos, sen caer no alarmismo, o caso Piqué. Porque a irracionalidade é como a auga ou como o lume: que se pode desmandar. E cando iso ocorre é para tremer, como a experiencia nos ensina. ¿Non o teremos xa esquecido?